Martes 3 de decembro 2019
Hoxe imos ver como se comportan as moléculas de auga nos cambios de estado ou na tensión superficial.
Práctica 1. A formación da néboa.
Materiais:
- Un vaso de precipitado alto.
- Un embude
- Auga quente
- Xeo
Procedemento:
Colocamos a auga quente no vaso ata a metade.
Poñemos xeo no embude e colocámolo tapando o vaso.
No espazo que queda entre a auga e o embude empeza a formarse unha nube.
Explicación
|
Molécula de auga |
A néboa prodúcese polo contacto do vapor que desprende a auga quente co aire arrefriado polo xeo, prodúcese unha condensación.
Podemos observar ao mesmo tempo a auga nos tres estados: líquido, sólido e gasoso.
E, como están as moléculas de auga en cada caso?
As moléculas están máis xuntas no caso do xeo, máis separadas no líquido e moito máis no vapor.
Práctica 2. A pementa que escapa
Materiais:
- Un prato
- Auga
- Pementa negra moída
- Xabón líquido
Procedemento:
Nun prato con auga, botamos a pementa que vai quedar flotando na superficie.
Ao engadir unha pinga de xabón líquido a pementa escapa cara aos bordes do prato.
Explicación:
Isto sucede porque as moléculas de auga da superficie están unidas con máis forza formando unha película que impide que a pementa vaia ao fondo.
Isto é o que se coñece como tensión superficial.
Ao botar o xabón esta película rompe e encóllese cara aos bordes levando a pementa consigo.